Wednesday 01 de May de 2024

Os campos da Torre abrirán mañá as súas portas co 100% da súa capacidade


A alcaldesa anunciou hoxe que as instalacións deportivas municipais ao aire libre permitirán o acceso do público asistente ás competicións federadas

A alcaldesa avanzou que a partir de mañá celebraranse competicións deportivas nos campos de fútbol da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias co 100 % de capacidade no exterior, coa obriga de que o público asistente permaneza sentado e coa máscara posta.

“O Goberno local dá un paso máis na volta á normalidade coa apertura desta instalación unha vez o comité clínico aprobou o novo protocolo”, apuntou Inés Rey.

Para as competicións deportivas que se celebren no interior de instalacións municipais, a ocupación máxima será do 80 % co público sentado, con máscara e distancia de seguridade.

No caso dos adestramentos non se permitirá o acceso do público.

Polo que respecta ao uso de vestiarios e ducha das instalacións deportivas municipais, a normativa aínda non permite a ocupación total do espazo polo que permanecerán pechadas como consecuencia dos usos simultáneos de varios equipos. O uso completo destas instalacións dependerá da eliminación desta restrición, no caso do deporte federado, polas autoridades sanitarias.

Doutra banda, a alcaldesa explicou que as obras de reforma dos campos de herba artificial da Cidade Deportiva avanzan a bo ritmo. De feito, están a piques de rematar as obras de dous dos cinco campos. O Concello confía en que neste outono estean rematados todos.